Thursday 16 de May de 2024

O Apalpador xa estivo hoxe por San Sadurniño, pero volverá o venres


O alumnado do CPI de San Sadurniño conta os días para que cheguen as vacacións de Nadal e Reis. De feito, os días que quedan até o xoves -último día de clase- son para elas e eles máis ben de relax, facendo actividades moi relacionadas con estas datas. Hoxe, sen ir máis lonxe, a rapazada de 6º de Educación Primaria representou dúas veces ao longo da mañá a súa obra musical “A crise fainos ver a realidade”, mentres que varias mozas e mozos da ESO percorreron varios locais da zona urbana ganando o aguinaldo con cantos de Nadal. Na andaina -que tamén trouxo o grupo pola Casa do Concello- a gaita, as pandeiretas, o acordeón, os violíns e as voces vestiron como se debe a chegada do Apalpador, quen regresará por San Sadurniño o próximo venres dentro da programación municipal.

Saír de rolda esta mañá foi unha idea das cativas e cativos do CPI, da profesora de música Estrela Gómez e do profesor de Educación Física Uxío Leira, dous dos membros do claustro que máis apostan pola promoción da cultura, a música e a preservación das tradicións do País. Así, un total de 17 adolescentes armados con múltiples instrumentos e un completo repertorio de pezas decidiron botarse ao camiño para ganar o aguinaldo, costume que aínda pervive en moitos lugares do noso rural pero que en San Sadurniño hai décadas que desapareceu.

A primeira parada fixérona na Casa do Concello, onde repasaron varias panxoliñas galegas, entre elas as coñecidísimas “Canto de Reis e panxoliña de Neda”, “Nadal en Luintra” ou “Con un sombreiro de palla”. As concellarías de Desenvolvemento local e Participación, que colaboraron coa iniciativa, ofrecéronlles ás mozas e mozos como agasallo unha bolsiña con Maruxas de Nata, un exemplar do calendario municipal 2024 e un folleto e máis un bolígrafo do Xeoparque do Cabo Ortegal.

O itinerario proseguiu despois polo café-bar Del Palacio, a cafetaría Atrium e, finalmente -antes de regresar ao centro de ensino- tamén se detiveron en DZINE, onde o establecemento lles tiña preparado un chocolate con buñuelos recén feitos. O grupo musical estivo acompañado en todo momento polo Apalpador (de dous apalpadores, para falar con propiedade), quen xa estivo hoxe en San Sadurniño como adianto da visita “oficial” que fará na tarde do venres.

Nadal infantil con “Cachopo máxico” e regreso do carboeiro do Courel
E é que o día da lotaría será cando se concentre en San Sadurniño a programación infantil, á espera da chegada dos Reis Magos prevista para o xoves 4 de xaneiro. Neste sentido, este venres 22 de decembro a partir das 18:30h temos na Casa da Cultura o espectáculo infantil “Cachopo máxico”, da compañía Lîlâ Teatro.Unha obra para público familiar que interpreta o Nadal desde a perspectiva dos costumes galegos máis antigos, reivindicando ao mesmo tempo os saberes ancestrais da nosa cultura. As entradas son gratuítas e poden reservarse no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Cando remate “Cachopo máxico”, a iso das 19:30h, o Apalpador chegará á praza do antigo Concello para saudar ás nenas e nenos de San Sadurniño antes de proseguir o seu camiño máxico, iniciado pola mañá na EIM A Rolada e no Centro de Día. Traerá o zurrón repleto de lambetadas e porá moitísima atención a todo o que as nenas e nenos lle queiran contar…ou pedir. Se chovese, a recepción ao Apalpador trasladaríase á Casa da Cultura.

Tralo seu paso por San Sadurniño, o carboeiro do Courel marchará ao Nadal na Lareira que organiza a A.VV. O Castelo de Narahío, tamén o venres 22 ás 20:30h. No local social da Veiga actuará, ademais, o mago Magic Mateo, un ferrolán de tan só 14 anos que xa é todo un referente do ilusionismo galego. O serán rematará con bica e chocolate mentres se cantan unhas panxoliñas e outras pezas tradicionais (pódense levar instrumentos).